Friday 17 de May de 2024

DROP, teatro-circo este sábado no Gabriel García Márquez de Mera


O sábado ás 20:30 horas no Auditorio Gabriel García Márquez de Mera, Pistacatro- que acaba de recibir o premio da Cultura Galega 2023 na categoría de Artes Escénicas- presenta o espectáculo de teatro-circo DROP, dirixido por Pablo Reboleiro, coa interpretación de Aitor Garuz, Santiago Montero, Guillermo Porta, Pablo Reboleiro, Nacho Muñoz. As entradas teñen un prezo de 4 euros e poderanse adquirir desde unha hora antes na billeteira do auditorio.

DROP é un espectáculo de malabares, pero tamén, e sobre todo, DROP é un espectáculo de malabaristas. Persoas que desenvolven unha calidade especial para manter obxectos flotando no ar. Un xogo de nenos convertido nun xeito de vida. Pero fóra diso, igual que o resto das persoas, os nenos medran e conviven co seu entorno, cos seus retos, os seus problemas, os seus atributos e carencias, e tratan de manter todo no ar para sobrevivir nun lugar no que todo remata caendo. Por iso DROP xoga, constantemente e máis que nunca, coa metáfora que compara os malabares coa vida. E lémbranos que, dalgún xeito, todas e todos somos grandes malabaristas.